O AFIADOR
BENITO CARBALLO
"Hoxe os mercados están dunha maneira complicada, hai moita cousa de usar e tirar e cousas que ao mellor xa nin fai falta afialas, porque vale máis o afiado do que che valeu o cuchillo, por ejemplo."
​
​
Benito Carballo continúa coa tradicional profesión de afiador dende o seu taller de afiado no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, a terra natal dos afiadores. "Decidín dedicarme a esto por tradición familiar e porque me gustaba. Meu pai era afilador, meu abuelo era afilador e meu abuelo por parte de miña nai tamén era afilador.".
​
Benito conta como a profesión se foi transformando co paso dos anos, coa chegada dos avances do mundo moderno e da tecnoloxía. "Meu pai foi afilador, pero foise transformando, empezou ca roda, da roda pasou á moto, da moto pasou ó coche, e do coche pasou a montar o seu negocio, un taller de afiado.". O afiador de Nogueira de Ramuín conta tamén como foron cambiando os instrumentos e os materiais polos que están feitos estes instrumentos que se levan a afiar, e que tamén provocan o cambio e a evolución da profesión. "Non é mismo afilar uns cuchillos dos que había antes, a dos que hai agora. Hai cuchillos de cerámica, hai cuchillos de titanio, hai cuchillos de eu que sei. É moi distinto. Nós aquí afilamos cousas que antes era imposible afilalas cunha roda de afilado por aí.".

Algunhas das rodas primitivas pertencentes á colección do escultor Florencio de Arboiro, situada na Casa das Rodas, en Arboiro (Ourense)

Motos preparadas para o afiado, incluídas na colección do escultor Florencio de Arboiro, situada na Casa das Rodas, en Arboiro (Ourense)
Malia esta transformación, o porvir da profesión non é esperanzador. O mercado, a dinámica actual do "usar e tirar" está a acabar co afiador, ao igual que con outros moitos oficios que existiron en Galicia ao longo da historia. "Hoxe os mercados están dunha maneira complicada, hai moita cousa de usar e tirar e cousas que ao mellor xa nin fai falta afialas, porque vale máis o afiado do que che valeu o cuchillo, por ejemplo. Unha das cousas que nós facemos todavía é reparar paraguas, que era unha das cousas que facía tradicionalmente o afilador, pero hoxe ao mellor reparamos un 10% dos paraugas que hai no mercado. O outro 90% xa non hai pezas, xa nada, nin interesa.".
​
Sendo unha profesión que tende a desaparecer, Benito afirma que el, máis o seu fillo, que traballa con el no taller de afiado, van "intentar seguir a tradición, que esto siga para arriba", mentres sigan tendo traballo, que de momento,"vamos tendo todavía", pero tamén recoñece que "son profesións cun futuro moi limitado, como todas as profesións tradicionais".
​
​
O que xa se perdeu, non ha volver
​
Nogueira de Ramuín é un concello ourensán situado na comarca da Ribeira Sacra que está considerado terra berce dos afiadores. Benito Carballo conta como, nun pasado, existían en Nogueira de Ramuín outros moitos oficios derivados do do afiador. "Aquí había dúas ou tres persoas que facían rodas de afilar", explica Benito Carballo, e continúa explicando que "agora alguén que por oficio a queira, non hai. Quen vai querer entón unha roda de afiar?." Semellante ocorre co "chiflo". O afiador nas súas orixes caracterizábase polo emprego deste subiote, que utilizaba para informar ós habitantes de cada vila pola que pasaba da súa presenza. Benito explica que en Nogueira de Ramuín tamén "había un señor que se dedicaba a facer os chiflos", e que loxicamente, tamén desapareceu. "Hoxe a quen lle vendes eso? A alguén que o queira para decorar ou a alguén que estude música, pero non para defendelo nun oficio", reflexiona o afiador.
​
Os afiadores tiñan tamén a súa propia xerga, que usaban cunha finalidade críptica. Era o barallete. "Recordo a meu pai e a meus abuelos falar barallete. Eu xa nunca falei en barallete. Son cousas que se van perdendo". Benito, conta que coñece "palabras e tal de oirllas comentar a eles, teño libros onde hai un dicionario de barallete, pero nunca falei barallete con nadie".
​
Unha das consecuencias da perda destas profesións é a perda destes saberes únicos, que desaparecen co oficio. Benito non fala barallete, porque tampouco ten ningún outro afiador co que falalo, non ten a necesidade de falar con outros afiadores nunha linguaxe que sexa incomprensible para o resto das persoas. "É unha pena que se perda? Claro que é unha pena".
​
"Son profesións que non se debían perder, todo o mundo debería saber o que realmente se facía nestes oficios, pero, temos aí unha cousa que se chama futuro, o novo mundo, que non nos podemos olvidar del e nos temos que adaptar a el. Pero claro que é unha pena moi grande que se perdan todas estas tradicións", conclúe o afiador de Nogueira de Ramuín.
​
​
1 A fotografía do encabezado atópase baixo a inscrición Ramón Quintás Castro, afilador de Noia. 1926.. “(…) Ramón debe de ser un capitalista, ya que tiene un caballo que le carga la rueda de afilar cuando le toca viajar. Otros se desplazan a pie a través de espacios solitarios, con sus espaldas erizadas por los esqueletos raquíticos de decrépitos paraguas”. A imaxe pertence á fotógrafa Ruth Matilda Anderson e foi extraída da web Vivir Galicia, pertencente á editorial Belagua http://belaguaediciones.com/vivirgaliciaturismo/la-fotografa-ruth-mathilda-anderson-tambien-dejo-escrita-su-vision-de-galicia/