O ZOQUEIRO
ALBERTO GEADA
“Ao igual que se conserva unha catedral ou unha igrexa, pois tamén se teñen que conservar os últimos que teñen a técnica de traballo e que desarrollan un oficio que é patrimonio.”
Alberto Geada é o último zoqueiro da provincia de Lugo, e un dos últimos que sobrevive en Galicia. Dende o seu taller en Alfoz, na Mariña lucense, realiza o que el denomina a "arte de elaborar zocas".
“A miña familia sempre se relacionou co oficio de zoqueiro. Cando collín eu o oficio era un momento arriesgado para dedicarse a isto, pero vinlle bastante salida e meu pai estaba moi ilusionado. Tiven unha oferta moi importante dun señor de Mondoñedo que era o alcalde nese momento. Ofreceume a posibilidade de montar un taller-obradoiro, e a partir de aí vinlle unha saída interesante.” Alberto Geada conta que de seu pai aprendeu a base do traballo, pero que o demais o aprendeu de outros moitos zoqueiros dos que se rodeou, co obxectivo de recuperar a técnica antiga de zoquear. “Eu quería recuperar a técnica antiga de zoquear e meu pai levaba traballando dende os vinte anos con máquinas, tal é como o facía a industria do calzado dese momento”.
“Eu vendo por tendas, sigo o comercio que houbo toda a vida, o que pasa é que nos últimos anos decaeu moito e os fabricantes tamén comezaron a desaparecer. Nos anos sesenta saía un camión todas as semanas cargado de zocas desta zona. Desa xente toda que fabricaba, quedo eu“. As zocas decaeron coa chegada da industria do calzado, moito máis cómodo e flexible. Alberto, argumenta que o problema das zocas é a dureza do chan. “A zoca é un calzado duro que andando nunha superficie dura, como unha carretera ou unha acera, non vai ben. En cambio, se se usan en campo, a zoca vai ir estupendamente, porque foron creadas para iso“.
A zoca galega e a zoca madreña
Zoca galega no baile tradicional, o único campo no que a zoca autóctona aínda se mantén | Vídeo: Icía Diéguez
A zoca tradicional galega leva extinta moitos anos, manténdose só para usos tradicionais e folclóricos, pero sen ningún uso funcional, en palabras de Alberto Geada, son “os últimos supervivientes”.
A zoca que aínda se conserva a duras penas é a madreña, típica asturiana. “É a zoca de zapatilla, que leva unha protección por dentro, e sigue usando a xente pois para andar pola eira, para ir ao galiñeiro ou lavar a roupa, vamos, para andar arredor da casa”. Esta zoca mantense no mercado grazas a un proceso de renovación que se vén dando nela dende comezos de século. Porén, este zoqueiro de Alfoz considera que esta transformación non vai ser suficiente para manter a zoca no mercado nos próximos anos. “Ata agora o que se fixo foi darlle boom mediático e un pouco de transformación, a de sempre pero convertida nun artículo

Dous tipos de zocas madreñas, típica asturiana (Alonso Fernández Canteli, La Madreña.1987)
novedoso“, e é que nos últimos anos comezaron a aparecer zocas en forma de sandalia, zocas de cores ou zocas de tacón, entre outras moitas, o que Alberto Geada denomina “zoca fashion”. Nos próximos anos, a zoca terá que esgotar as súas vías de renovación se quere seguir viva. Alberto Geada opina que esta transformación terá que enfocarse en facer a zoca apta para solos duros. Porén, isto non vai garantir ao máximo a súa supervivencia.
"Zocas fashion" deseñadas por Alberto Geada | Fotos: Alberto Geada
Os oficios tradicionais son patrimonio
Reinventarse e converter a zoca nun calzado apropiado para terreos duros é posible, pero o que non o é, é que volva a ter a súa función habitual e o peso que tivo ao longo da historia. A pesar da renovación, a zoca será incapaz de competir no mercado, porque custa máis unha zoca que unhas catiuscas de goma. Neste sentido, a profesión de zoqueiro está destinada a morrer. “O oficio do zoqueiro, pódese compañar pois con crear novas pezas, pero a esencia das zocas tal é como foi na historia, só lle queda un camiño“, centrado na vía cultural e patrimonial.
Neste punto, faise necesaria unha acción institucional co obxectivo de manter estes oficios tradicionais, non dunha maneira funcional, pero si dunha maneira cultural. Alberto Geada argumenta que é necesaria unha axuda especial para o sector, para así, “poder manter informada á sociedade, divulgar este produto e esa función que tivo a través dos tempos. Darlle a importancia que se merece, porque se non houbera un afiador non poderiamos cortar e se non houbera unha zoca habería que andar descalzo“. Os oficios tradicionais deberán ser considerados bens de patrimonio material e inmaterial da cultura galega. “Ao igual que se conserva unha catedral ou unha igrexa, pois tamén se teñen que conservar os últimos que teñen a técnica de traballo e que desarrollan un oficio que é patrimonio.”.
Alberto Geada explica que o problema non se atopa na falta de fondos públicos, senón a súa mala xestión. “A Deputación de Lugo ten un millón douscentos mil euros para destinar á artesanía. Este diñeiro vai para publicacións, para funcionariado e para xente que se beneficia do noso traballo. Arredor da artesanía hai unha mafia institucional que se está lucrando do noso patrimonio.”.
1 A fotografía do encabezado atopase baixo a inscrición Zoqueiro. Lugo 1925, da fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson. A imaxe foi extraída do blog La Temerària https://latemeraria.wordpress.com/2014/08/06/1274/