top of page

O RAPADOR

ANXO CASTIÑEIRAS

"Ó final pode depender todo de como evolucione o mundo. Tal e como estamos agora, pode ser que a xente volva ó rural, volvamos a ter animais nas casas e ó campo. Se esto pasa, o que eu fago vaise manter, pero, se o mundo evoluciona como o fixo ata agora, esto acábase"

Anxo Castiñeiras realizando o seu traballo | Vídeo: Icía Diéguez

Anxo Castiñeiras é un mozo de case 20 anos propio do concello pontevedrés da Estrada que se dedica a rapar ovellas, non profesionalmente, senón que o ten como un segundo traballo. El mesmo recoñece que o ve máis "como un hobby" co que gaña un extra, que como un traballo.

​

Anxo explica que o oficio non lle vén dunha longa tradición familiar, senón que lle é algo recente. "A nós víñanos á casa un home a rapar as nosas ovellas, pero era mayor e deixou de facelo. Na casa de meus abuelos había unha máquina de trasquilar as ovellas e un día déuselle a meu pai por ela, preparala, e empezar a rapar nas nosas ovellas. A raíz deso algúns veciños espezárono a chamar e eu cando fun medrando empeceille a axudar. Este ano el tivo un problema nun brazo e collín eu o seu puesto.". 

​

O rapador ou trasquilador é unha profesión tradicional, máis típica de zonas da Meseta Central, como poden ser Segovia ou Burgos, lugares nos que a gandería extensiva de ovellas, é dicir, os grandes rabaños, son moi comúns. Pola contra, en Galicia a gandería caracterízase polo gando vacún. No entanto, esta actividade foi sempre caracterizadora da nosa terra, polo que en maior ou en menor medida, o gando ovino tamén estivo presente e o traballo dos rapadores foi necesario. 

​

Orixinalmente, os rapadores ou trasquiladores empregaban unha tesoira especial para a la. Hoxe en día, os instrumentos de traballo evolucionaron. "Eu rapo cunha máquina eléctrica", explica Anxo Castiñeiras, e argumenta que a técnica de traballo tradicional non está extinta, e que de feito "existen concursos de rapar ovellas con tixeira". Porén, no traballo funcional, o rapador estradense argumenta que "non apura o mesmo unha máquina que ti cortando coa tixeira", polo que ao seu parecer, "é inviable poñerse a rapar un rabaño cunha tixeira existindo unha máquina, porque no tempo que se rapa unha ovella cunha tixeira, rápanse tres ou catro con máquina."

​

​

O futuro do mercado da la

​

A la que Anxo Castiñeiras obtén das ovellas ten un uso posterior. "A la recólloa, métoa en sacos e gárdoa. Despois, unha terceira persoa recóllea, limpaa, prepáraa, e véndea para a industria téxtil". Esa terceira persoa é Alberto Fernández, canteiro do concello ourensán de Maside, que se dedica tamén a limpar a la que recolle de Anxo Castiñeiras e doutros rapadores da nosa xeografía. Alberto Fernández conta que a la se exporta na súa totalidade."Desde os puertos do Mediterráneo marcha para China e para a India, os dous principales países importadores do produto". E explica que antes o proceso de lavado se realizaba en España, concretamente "en Andalucía había lavadores de lana onde se facía todo o proceso final do produto". Actualmente, debido ao funcionamento do mercado internacional, Alberto Fernández explica que aínda que a loxística e o transporte é caro "sale máis barato eso que lavar aquí". 

En relación con esta cuestión, Anxo Castiñeiras opina que o traballo do rapador non é dependente do mercado da la. "O trasquilador é unha figura necesaria, porque ó final a la ten mercado, cada día menos, pero algo aínda ten", e continúa explicando que "se en algún momento desaparecera este sector, as ovellas que produzan para leite ou para carne, vai habelas que seguir rapando"Neste sentido, Alberto Fernández considera que o mercado da la tende á desaparición. "Cada vez trabállase máis con produtos que dan as mismas respostas que a lana natural, como é a fibra sintética"argumenta o canteiro, e comenta que debido á situación xerada pola COVID-19 "a lana é un produto negativo, que non vale absolutamente nada, non é un produto prioritario nin necesario. Non lle interesa a nadie.", conclúe

​

​

Perda da tradición e da estrutura económica tradicional

​

"Vai chegar un punto no que a xente deixe de ter ovellas, e quedarán só as grandes ganaderías, nas que vai haber un empregado fixo que se encargue de rapar todas as ovellas", explica Anxo Castiñeiras, e sinala ademais outro factor que poderá ser decisivo no futuro da profesión, a aparición dunha nova especie de ovella que non necesita ser rapada. "Hai razas de ovellas de leite que xa están integrando en España que lle cae a la sola, para non ter un gasto a mayores a parte de mantelas", explica Anxo. 

​

"Ó final pode depender todo de como evolucione o mundo. Tal e como estamos agora, pode ser que a xente volva ó rural, volvamos a ter animais nas casas e ó campo. Se esto pasa, o que eu fago vaise manter, pero, se o mundo evoluciona como o fixo ata agora, esto acábase", reflexiona Anxo Castiñeiras, e continúa explicando que "o que facemos agora é desfacernos dos animales, os novos marchamos para as ciudades e non os queremos atender, ou non temos tempo. Entón, o que vai pasar é que van quedar só as grandes explotacións e a xente que se dedique a rapar coma min desaparecerá, porque non che compensa ter maquinaria e moverte moitos quilómetros para rapar dúas ovellas aquí e outras dúas alá.". O rapador estradense conclúe a súa entrevista explicando que "extinguir a profesión como tal eu creo non, pero que si que vai ser moito máis complicado velo que agora mesmo, eu penso que si". 

​

Sobre este asunto, Alberto Fernández explica que Galicia se caracteriza "por unha ganadería de subsistencia, para a xente comer na casa o que produce", e continúa expoñendo o feito de que nos últimos anos, se produciu un auxe das grandes granxas e un declive destas explotacións familiares tradicionais, que son as que permiten a existencia da figura do rapador. "No momento no que montas unha explotación xa tes unha empresa que che asesore, que xa che di que tipo de ovella tes que meter e que despois cando chega o tempo de rapar, tamén se encarga do traballo, entonces claro, que vida lle queda a isto que nós facemos?". 

​

​

1 A fotografía do encabezado atopase baixo a inscrición Trasquilando a lan das ovellas. Vilaxoán de Arousa, e pertence ao fondo de imaxes da asociación O Faiado da Memoria. Estímase que a fotografía está tomada entre os anos 1959 e 1965. http://www.phottic.com/es/photo/BYxZXJg7?j=eyJ0eXBlIjoidXNlciIsImlkIjoyMzl9 

bottom of page