top of page

O CANTEIRO

ALBERTO FERNÁNDEZ

“Hoxe en día as empresas de construción xa fan todo, nin canteiros, nin techadores. Fan todo os albañiles. É como o tema do ebanista, ti hoxe vas ao Leroy Merlin e xa compras un mueble de formica, que é máis barato. Quen compra hoxe un mueble de madeira?“

​

​

​

Alberto Fernández, fillo e neto de canteiros, mantén a profesión con moito gusto dende Dacón, no concello ourensán de Maside. Alberto conta que o de ser canteiro veulle de “chiripa”, por un “calentón” mentres estaba preparando as oposicións de maxisterio. “Deuse unha época na que as oposicións ao cuerpo de profesores, algún ano non había, outras eran prazas para interinos, e como eu tiña o negocio na casa e dende pequeniño nos veráns e nas vacacións xa sempre axudaba a facer algunha cousa, decidín deixar a ensinanza.”

​

Pero, en que consiste o traballo dun canteiro? Nos comezos da profesión, o canteiro era a persoa encargada de traballar a pedra para a construción, xa fora de casas, hórreos, igrexas, pontes ou pazos. Este canteiro de Maside conta que os seus devanceiros, seu avó e seu tío, canteiros de profesión,“comezaron a traballar o que era o tema de cantería na construción dunha casa. O tema da mampostería, muros e facer o que eran as cornisas ou os anteteitos nunha casa.”. Nun estudo realizado polo Museo do Pobo Galego explícase que os canteiros, ademais de dedicarse á construción, tamén realizaban outras obras,“relacionadas coa devoción popular“, tales como “cruceiros, petos de ánimas e fontes.”.

foto arquivo ponte.png

Canteiros durante a construción dunha ponte (Museo do Pobo Galego)

Coa chegada da modernización da industria, o sector da construción comezou a empregar unha maior tecnoloxía, polo que os canteiros deixaron de ser necesarios. “Hoxe, colocar pedra con toda a instrumentación que hai, colócaa calquera, non é coma antes. Hoxe en día as empresas de construción xa fan todo, nin canteiros, nin techadores. Fan todo os albañiles. É como o tema do ebanista, ti hoxe vas ao Leroy Merlin e xa compras un mueble de formica, que é máis barato. Quen compra hoxe un mueble de madeira?“.

Para sobrevivir, a profesión renovouse, e comezou a enfocarse na creación de estatuas e doutros obxectos de pedra. “Eu dedícome á artesanía, á escultura, á arte funeraria. O tema de casas e de muros quedou afastado, debido a falta de traballo.“. Esta transformación do oficio pode situarse arredor do ano 1960. “Meu pai ao principio si que traballou no tema das casas, pero debido a un problema de saúde deixouno un pouco de lado, e comezou a facer como hobby cousiñas de pedra, a facer recreacións de produtos ou de pezas típicas de Galicia e do noso folclore. Ao final, o tempo fixo que ese hobby se fora convertindo en traballo.”, no traballo grazas ó que actualmente, esta profesión tradicional se mantén.

WhatsApp Image 2020-12-18 at 13.23.25.jp

O pai de Alberto Fernández durante a elaboración dun muíño castrexo | Foto: Alberto Fernández

Un futuro incerto para a profesión

​

Unha profesión pérdese ou ben pola falta de relevo xeracional, ou ben porque o traballo a realizar deixa de ser necesario para unha sociedade, moi probablemente causa da súa automatización. No caso do canteiro, o relevo xeracional non é un problema, grazas á labor de escolas e obradoiros que forman no oficio, feito que non ocorre noutras profesións tradicionais como a do afiador ou a do zoqueiro, en perigo de extinción. “A terra de canteiros é a provincia de Pontevedra, a zona de Poio, que é onde está a Escola de Cantería de Galicia, a que grazas a facer estes cursos de cantería non se está extinguindo a profesión.”.

​

Malia isto, a crise económica provocada pola crise sanitaria da COVID-19, xunto coa multiplicación de grandes empresas dedicadas á construción, que cada vez son máis polifacéticas, poderían acabar coa figura do canteiro, tal é como persoas como Alberto Fernández, intentaron conservar ata o momento. “Se che digo a verdade non sei onde acabará esto todo, pero se sigue así eu terei que deixalo tamén. Entre os efectos que estamos sufrindo desta crise sanitaria e o tema de como están funcionando as novas empresas, que se dedican a facer un pouco de todo, facendo que o tema da cantería quede un pouco desplazado, non che podo decir se vai haber relevo porque non sei cal vai ser o meu futuro neste sentido.“.

​

​

Non hai volta atrás no que xa se perdeu

​

O saber realizar o oficio de canteiro, o traballar na pedra, ten o futuro asegurado, como xa explicamos, grazas á labor que realiza a Escola de Cantería situada en Poio. O que non o teñen son as tradicións e as costumes dun oficio tan común en Galicia, que deixou pegadas na nosa cultura e na nosa historia. Estamos a falar da súa xerga, o latín dos canteiros ou o verbo dos arxinas.

​

Segundo un estudo realizado polo Museo do Pobo Galego xa citado anteriormente, a fala peculiar dos canteiros “tiña como fin primordial o entendemento entre os pertencentes ó gremio, a escuridade para os outros e a salvagarda dos segredos da vida e do traballo.”. O verbo dos arxinas é unha fala practicamente morta, da que se conservan termos (arredor de catro mil), pero que non é falada espontaneamente por ningún destes novos canteiros que reinventaron a profesión. 

​

O Museo do Pobo Galego argumenta que o desuso da xerga pode explicarse pola “deficiente formación escolar” dos canteiros e polo segredo gremial da lingua, xa que “só os canteiros estaban autorizados a coñecer esta lingua e a transmitila ós seus aprendices, sen que ninguén alleo á profesión puidese ter acceso ó seu coñecemento, agás a muller do canteiro. Os gremios e a Sociedade de Canteiros mesmo instituíron duros castigos contra aqueles que lles ensinasen o latín a persoas á marxe do traballo da pedra.”

​

Non nos podemos esquecer de que somos quen somos pola nosa historia e pola nosa cultura. Mantela e recordala, ten que ser a nosa labor.

​

​

​

1 A fotografía do encabezado atópase baixo a inscrición Un home prepara vigas de granito para as viñas en Catoira, e pertence á fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson. A imaxe está extraída do xornal dixital GCiencia https://www.gciencia.com/historias-gc/fotos-ineditas-ruth-matilda-galicia/

bottom of page